Saltar ao contido

María Blanchard

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaMaría Blanchard

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(es) María Eustaquia Adriana Gutiérrez-Cueto Blanchard Editar o valor en Wikidata
6 de marzo de 1881 Editar o valor en Wikidata
Santander, España Editar o valor en Wikidata
Morte5 de abril de 1932 Editar o valor en Wikidata (51 anos)
París, Francia Editar o valor en Wikidata
Causa da mortetuberculose Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de Bagneux Editar o valor en Wikidata
Outros nomesMaría Blancardette Editar o valor en Wikidata
EducaciónAcadémie Vitti (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpintora Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1908 Editar o valor en Wikidata - 1932 Editar o valor en Wikidata
MovementoCubismo Editar o valor en Wikidata
ProfesoresEmilio Sala Francés (pt) Traducir, Fernando Álvarez de Sotomayor, Hermen Anglada-Camarasa (pt) Traducir, Marie Vassilieff (pt) Traducir e Kees van Dongen Editar o valor en Wikidata
Familia
IrmánsAurelia Gutiérrez-Cueto Blanchard Editar o valor en Wikidata
ParentesGermán Cueto
Concha Espina, curmá entregue
Antonio Quirós, sobriño
Matilde de la Torre, curmá entregue Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética (1926—1947) Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1140986 Find a Grave: 23482359 Editar o valor en Wikidata

María Gutiérrez Blanchard, nada en Santander o 6 de marzo de 1881 e finada en París o 5 de abril de 1932, foi unha pintora española. Para Ramón Gómez de la Serna foi "a máis grande e enigmática pintora de España".[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

María Blanchard naceu no seo dunha familia da nova burguesía montañesa, filla de Enrique Gutiérrez-Cueto, natural de Cabezón de la Sal, e de Concepción Blanchard e Santiesteban, natural de Biarritz. A familia Gutiérrez-Cueto Blanchard, tiña xa dúas fillas cando naceu María, Aurelia, e Carmen; anos máis tarde nacería a súa outra filla Ana. Familia acomodada e culta; o avó paterno, Castor Gutiérrez de la Torre, foi o fundador de La Abeja Montañesa e o seu pai de El Atlántico, diario liberal que dirixiu durante dez anos mentres traballaba na Xunta de Obras do Porto.[2]

María naceu deforme, a consecuencia da caída que sufriu a súa nai embarazada ao baixarse dun coche de cabalos. Esta deformidade resultante dunha cifoescoliose con dobre desviación de columna, condicionaría parte da súa vida. Como explicou a súa curmá Josefina de la Serna, María «tan amante da beleza, sufría coa súa deformidade até un grao impresionante». Pola súa banda, Ramón Gómez de la Serna, descríbea «Miudiña, co seu pelo castaño despeiteado en flotantes voos, coa súa mirada de nena, mirada susurrante de paxaro con triste alegría».

Animada pola súa familia, en 1903 viaxou a Madrid para formarse no estudo de Emilio Sala, cuxa precisión no debuxo e exuberancia na cor influirían nas súas primeiras composicións. Ao ano seguinte morre o seu pai e toda a familia trasládase a Madrid, fixando a súa residencia na rúa Castelló n.º 7.

En 1906 pasou ao estudio de Fernando Álvarez de Sotomayor e concorreu á exposición da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Dous anos máis tarde participa de novo, conseguindo terceira medalla de pintura coa obra Los primeros pasos. Ese ano trasládase ao taller de Manuel Benedito. A deputación de Santander e o concello da súa cidade natal concédenlle unhas bolsas que utilizaría para proseguir os seus estudos en París.

En París

[editar | editar a fonte]

Emprende a viaxe a París no ano 1909, onde deseguido quedaría cegada pola liberdade. Acode á academia Vitti a recibir as ensinanzas de Hermenegildo Anglada Camarasa e Van Dongen que orientan o seu traballo cara á cor e a expresión, deixando atrás as restricións da pintura académica na que iniciara a súa carreira. Na academia coñece e estabelece estreita amizade con Angelina Beloff, artista rusa moza, coa que no verán dese mesmo ano viaxa a Londres e Bélxica, onde coincidirán con Diego Rivera.

Composición cubista, 1916-1919. Óleo e collage sobre lenzo, 154 x 114 cm. Madrid, Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía.

Á volta da súa viaxe, compartirá piso na vivenda e estudo no nº 3 da Rue Bagneux con Angelina e Diego. Ao ano seguinte (1910), acode á academia de María Vassilief, pintora rusa que lle dá a coñecer o cubismo, e coa que chegaría máis tarde a compartir cuarto. Preséntase á exposición nacional de Belas Artes con Ninfas encadenando a Sileno, obtendo unha segunda medalla, recompensa que encherá a María de satisfacción, posto que significaba o recoñecemento ao seu talento. Ao concluír a súa primeira estancia en París, pasa unha tempada en Granada, pero decide, para regresar a París, solicitar outra bolsa á Deputación e ao Concello de Santander intercedendo por ela Enrique Menéndez Pelayo; a Deputación concédelle 1500 pesetas para dous anos. Volve a París en 1912, instalándose no barrio de Montparnasse, no nº 26 da Rue du Départ compartindo casa e estudo con Diego Rivera e Angelina Beloff. Nesta segunda estancia parisiense María contactou co círculo da vangarda cubista, especialmente con Juan Gris e Jacques Lipchitz.

En 1915, entre os días 5 e 15 de marzo, Ramón Gómez da Serna organizou en Madrid a exposición Pintores íntegros no Salón de Arte Moderna da rúa del Carmen, na que tamén expoñen Diego Rivera, Agustín Choco e Luis Bagaría; mostra que recibiría todo tipo de burlas e protestas por parte do público e de parte da crítica. Despois, a pintora exerceu durante un tempo como profesora de debuxo en Salamanca, experiencia que suscitou o rexeitamento e humillación dos seus alumnos, e levou a María Blanchard a instalarse definitivamente en París (non chegará a regresar a España).

Ramón Gómez da Serna é testemuña do seu regreso: «María vivía en estudios abandonados, aos que non volveran os que diseminou a guerra e comezou a pintar peles cubistas, pucheiros, maquinas de moer café, especieiros, botes, anatomía das cousas, mesturadas coa anatomía dos seres... Eu funa visitar a unha daquelas casas de "outros" nas que as roupas colgadas na desidia de non saber que ía pasar estaban colgadas fóra dos armarios». María expón nos seguintes anos para importantes galeristas xunto a Jean Metzinger e Lipchitz.

María Blanchard nunca chegou á total descomposición da forma, característica do cubismo analítico, mais asume a influencia cubista e asimílaa na súa manufactura en forma de ricas cores. Son famosos varios dos seus cadros desa época, como "Mujer con abanico" (1916, Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía), "Naturaleza muerta" (1917, Fundación Telefónica) ou "Mujer con guitarra" (1917, Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía), que presentan exemplos do intenso estudo que realiza sobre a anatomía das cousas, como sinalou Ramón Gómez da Serna, e do peso da cor na súa pintura. Tras esta etapa regresará ás técnicas figurativas sen abandonar a achega das vangardas.

Os efectos da primeira guerra mundial provocaron certa volta á orde que se inicia en Italia, a través do grupo Valori Plastici, en Alemaña a través da nova obxectividade e nos demais países europeos, a través de achegas individuais. Ao grupo de artistas que xorde en Francia, denominóuselles Los evadidos del cubismo (en Tabarant) ou os Tránsfugos del cubismo (en Vauxcelles).

La comulgante, 1914. Óleo sobre lenzo, 180 x 124 cm. Madrid, Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía.

María Blanchard, como os outros pintores cubistas, seguindo esa tendencia expón no Salón dos Independentes de París tres obras: Nature morte, Nature morte e L'Enfant au berceau, obras que xa figuran como propiedade de Léonce Rosenberg, marchante da artista, con todo será neste ano, 1920, cando rompen relacións.

Expón no colectiva Cubismo e Neocubismo organizada pola revista Seléction en Bruxelas onde contacta co grupo de marchantes denominado Ceux de Demain formado por Jean Delgouffre, Frank Flausch e Jean Grimar, que se ocuparán da súa obra anos máis tarde e constituirán o círculo de amigos en cuxo contorno familiar se sentirá segura.

Presenta no Salón dos Independentes de París no ano 1921 tres pinturas e dous debuxos. Sen dúbida unha das tituladas Figure ou Intérieur, é a que coñecemos como La Comulgante, obra que se considera iniciada en 1914 durante a súa estancia en Madrid, mais ben puidese tratarse dunha réplica, método de traballo habitual da artista. Con esta pintura, nomeada así nas cartas e escritos de Juan Gris e André Lhote, obtén un grande éxito de crítica. Este último testemuña directa dos feitos, reflectíao no seguinte escrito: "A exposición de La Comuniante, constitúe un suceso case escandaloso, segundo frase de Maurice Raynal. Non hai crítico de arte que non celebre en termos entusiastas esta revelación...".

Diego Rivera parte definitivamente para México, sumindo a Angelina Beloff nunha profunda depresión que a distancia de María. Instálase nunha pequena casa, no número 29 da Rue Boulard, próxima ás vivendas de André Lhote e da familia Rivière. Gerardo Diego coñécea durante a súa estancia en París: "A min admirábame a súa clarividencia e o seu profundo sentido da arte e da vida...". Preséntase de novo no Salón dos Independentes de París en 1922 con dúas obras La femme au chaudron e La femme au panier, obtendo igualmente un grande éxito de crítica.

Expón vinte e unha obras na Galería Centaure de Bruxelas entre os días 14 e 25 de abril de 1923, organizada por Ceux de Demain; a presentación do catálogo corre a cargo do seu amigo e pintor André Lhote; as críticas non poden ser máis eloxiosas, co que se lle abre un importante mercado en Bélxica. Asina un duro contrato co seu marchante Lheon Rosemberg, o que lle supón unha certa seguridade económica. Expón por última vez no Salón dos Independentes de París mostrando catro pinturas, Portrait , Portrait, Femme assise e Le buveur.

Nature morte (Natureza morta), 1922. Óleo sobre lenzo, 63 x 81 cm. Madrid, Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía.

Distanciada de Juan Gris desde hai uns anos, a súa morte provócalle unha gran dor, que se transforma nun abatemento xeral e un grave estado depresivo. Busca consolo na relixión apoiándose no consello do pai Alterman, ao que coñecía a través de amigos comúns. É unha etapa de misticismo, de entrega relixiosa, que a move a pensar en entrar nun convento, algo do que é disuadida polo propio pai Alterman. A pesar das súas crises relixiosas persoais, María segue pintando incansabelmente.

O seu curmán, Germán Cueto, escultor, instálase por iniciativa da pintora en París xunto coa súa esposa, a tapiceira Dolores Velázquez e as súas dúas fillas pequenas. Esta familia será un alivio para a súa soidade e María envorcará nas pequenas Ana e Mireya, ás que retrata en varias obras, todo o seu amor maternal. Vivía entón en París outra curmá, Julia á que alcumaban La Peruana. Logrou así crear unha certa contorna familiar. Expón de novo na Galería Centauro de Bruxelas, realizando un magnífico estudo da súa obra o crítico Waldemar Georges.

María traballa incansabelmente, a pesar de atoparse xa enferma, e nun estado de abandono físico tal e como nos describe Isabel Rivière: «Levou durante anos e anos un vestido horríbel de enormes cadros amarelos e verdes do que non logramos que se desfixese nin coas artimañas máis sutís nin cos ataques máis directos... Cando tentabamos insinuar, sen concederlle maior importancia, que verdadeiramente o negro era o que mellor lle sentaba, contestaba cun sorriso suplicante e solermeiro de nena á que lle quixesen quitar un caramelo: "Gústame tanto enfeitarme"».

A súa irmá Carmen trasládase co seu esposo Juan de Dios Egea, diplomático e cos seus tres fillos pequenos a París en 1929, o que constitúe unha pesada carga para María. Ademais, as súas irmás Ana e Aurelia pasan longas tempadas con ela. Esta sobrecarga familiar, aínda que rodea de amor a artista, suponlle ademais un grande esforzo económico, que afecta o seu ánimo e a súa saúde.

La bretonne (A bretoa), 1928-1930. Pastel sobre papel pegado a un cartón sobre lenzo. Madrid. Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía.

María vive momentos de angustia. Angustiada economicamente, sente sobre si o peso da enfermidade e a sobrecarga familiar; as súas irmás, alleas ao drama que estaba a vivir, pensan mesmo en enviarlle á súa nai, algo contra o que se rebela a artista: "...Teño catro bocas que alimentar, eu enferma, son cinco, Queres máis?..." María manda empeñar os obxectos de prata da familia que conservaba para facer fronte á nova situación familiar. A pesar do seu estado de saúde, viaxa a Bruxelas e posteriormente a Londres. Expón na galería Vavin de París. Pinta San Tarcisio, de profundo e auténtico sentido relixioso. O 26 de maio de 1930, Paul Claudel visita o seu estudo, quedando impactado por ese cadro ao que dedicará en 1931 unha poesía.

É seleccionada para participar na mostra de arte francesa que percorre varias cidades do Brasil. É seleccionada para a exposición de Pintores Montañeses que se celebra no Ateneo de Santander e que abrirá as súas portas no mes de agosto.

María séntese esgotada física e psiquicamente. Gómez de la Serna relata este momento: «María, forte na súa estatura contrafeita, minou a súa natureza, que cae enferma cunha enfermidade de consunción que non hai quen poida atallar». "Se vivo vou pintar moitas flores", foron as súas últimas palabras de desexo artístico, mais o 5 de abril de 1932, cando os trens azuis do Sur chegaban cheos de flores, morreu a máis grande e enigmática pintora de España".

O seu enterro, como a súa vida, non puido ser máis sinxelo, sendo enterrada no cemiterio de Bagneux, acompañándoa na súa última viaxe, Francisco Pompey, André Lhote, César Abín, Angelina Beloff, Isabel Rivière e parte da súa familia; e xunto a eles un bo número de indixentes e vagabundos aos que a artista auxiliara ao longo de moitos anos.

Na necrolóxica publicada en L'Intransigeant pode lerse: "A artista española, morreu onte á noite, despois dunha dolorosa enfermidade. O sitio que ocupaba na arte contemporánea era preponderante. A súa arte, poderosa, feita de misticismo e dun amor apaixonado pola profesión, quedará como un dos auténticos artistas e máis significativos da nosa época. A súa vida de reclusa e enferma, contribuíra doutra banda a desenvolver e agudizar singularmente unha das máis belas intelixencias dese tempo". Ao decatarse Federico García Lorca do seu deceso, dedicoulle nese mesmo ano unha conferencia que deu no Ateneo de Madrid, Elegía a María Blanchard.

Cronoloxía

[editar | editar a fonte]
  • 1881 - O día 6 de marzo nace en Santander, María Gutiérrez Blanchard.
  • 1891 - María Blanchard estuda debuxo e pintura co seu pai.
  • 1893 - Catástrofe santanderina pola explosión do "Cabo Machichaco".
  • 1898 - Desastre colonial español.
  • 1899 - María Blanchard trasládase a Madrid para estudar pintura.
  • 1903 - María Blanchard é discípula de Emilio Sala, Sotomayor e Benedito.
  • 1908 - María Blanchard obtén terceira medalla na Exposición Nacional polo seu cadro "Los primeiros pasos". Solicita da Deputación de Santander unha bolsa para estudar en París. Veraneo en Ucieda.
  • 1909 - María Blanchard estuda en París con Hermen Anglada Camarasa.
  • 1910 - María Blanchard obtén segunda medalla na Exposición Nacional co seu cadro "Ninfas encadenando a Sileno".
  • 1913 - María Blanchard regresa a Madrid. Comparte co pintor mexicano Diego Rivera un estudo na rúa de Goya. Veraneo en Cabezón de la Sal.
  • 1914 - María Blanchard coñece o lituano Jacques Lipchitz.
  • 1915 - María Blanchard participa na Exposición de Pintores Íntegros que organiza en Madrid Ramón Gómez de la Serna; o seu cadro "Venus de Madrid" produce escándalo entre os académicos. Viaxe a Granada. Posíbel primeira Composición cubista. Lipchitz escríbelle desde París.
  • 1916 - María Blanchard reside uns meses en Salamanca como profesora de debuxo. Composicións cubistas.
  • 1917 - María Blanchard volve a París. Bodegóns cubistas.
  • 1918 - María Blanchard fai amizade con Juan Gris a través de Lipchitz. Amizade con Lhote.
  • 1919 - María Blanchard decide non volver a España.
  • 1920 - María Blanchard triunfa no Salón de Independentes co seu cadro "Communiante".
  • 1921 - María Blanchard, La Fresnaye e Lhote inician o neocubismo.
  • 1922 - María Blanchard coñece a Gerardo Diego na casa de Juan Gris.
  • 1923 - María Blanchard expón en Bruxelas (Ceux de Demain).
  • 1927 - Crise relixiosa de María Blanchard, de exacerbado catolicismo. Libro de Waldemar George.
  • 1931 - María Blanchard séntese enferma no seu estudio da rue Boulard 29. Paul Claudel dedícalle o poema "Saint Tarsicius", desde Washington.
  • 1932 - O día 5 de abril morre María Blanchard en París.

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

En xullo de 2018, a Asociación “Herstóricas. Historia, Mujeres y Género” e o Colectivo “Autoras de Cómic” creou un proxecto de carácter cultural e educativo para visibilizar a achega histórica das mulleres na sociedade e reflexionar sobre a súa ausencia consistente nun xogo de cartas. Unha destas cartas está dedicada a Blanchard.[3][4]

Documental

[editar | editar a fonte]
  • Rue du Depart 26. Érase una vez París. Gloria Crespo.[5]
  1. Baquero, Juan Miguel (4 de novembro de 2020). "María Blanchard, la "Frida Kahlo española" que el machismo enterró en la Historia del Arte". eldiario.es (en castelán). Consultado o 28 de xaneiro de 2021. 
  2. María era prima-irmá da escritora e deputada socialista por Asturias, Matilde de la Torre (1884-1946).
  3. "Participa en el Crowdfunding "Herstóricas Pioneras" en Verkami" (en castelán). Consultado o 18 de novembro de 2019. 
  4. Madridiario. "Paseos urbanos con historia y mirada feminista" (en castelán). Consultado o 18 de novembro de 2019. 
  5. Constenla, Tereixa (2013-08-25). "París, la cima de María Blanchard". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-01-28. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lafitte (Condesa de Campo Alange), María (1944). María Blanchard. Hauser y Menet. 
  • Magro, Baltasar (2020). Marie Blanchard. Como una sombra (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 9788491819301. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]